Monday 20 de May de 2024

Turismo de Galicia promove a comunidade como destino de reunións no foro internacional Europe Summer


Mantivéronse 70 reunións de traballo para postular Galicia como lugar idóneo para celebrar viaxes de incentivos, congresos e eventos

Turismo de Galicia participou no workshop profesional Europe Summer celebrado en Madrid para promover a Comunidade como destino de reunións a nivel internacional. Con esta finalidade, o organismo mantivo un total de 70 reunións de traballo con axencias internacionais de organización de eventos para propoñer Galicia como o lugar idóneo para a celebración de reunións, viaxes de incentivos, congresos e eventos que estas empresas poidan levar a cabo.

Durante catro días o departamento do Goberno galego mantivo estas xuntanzas para explicar todas as posibilidades que Galicia ofrece ao desenvolvemento dos actos propios do turismo de reunións.

O Turismo de reunións en Galicia experimentou un notable desenvolvemento durante os últimos anos, en parte debido ao aumento e mellora das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento deste produto turístico. O incremento das prazas hostaleiras, a creación de palacios de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos como pazos e mosteiros e a aparición de empresas especializadas son algúns dos factores para destacar dentro do desenvolvemento desta modalidade turística.

Ademais, Turismo de Galicia conta cun programa de promoción específico anual que prevé unha serie de accións destinadas a dar a coñecer a oferta turística congresual tanto a nivel nacional como internacional. Desta maneira, a Xunta de Galicia participa en certames como a feira IMEX de Frankfurt, MEEDEX en París ou TTG Incontri en Rimini, así como a nivel nacional na feira EIBTM de Barcelona.

A iso hai que engadir a asistencia de Galicia a workshops especializados en convencións e incentivos, como é o caso do Europe Summer ou o ConfecRed e The Meetings Space Spring (mercado británico), Ace of Mice e TTG Italia Rd Show (mercado italiano), Full Contact (mercado italiano) e The Meeting Space Autum (mercado francés).

Para completar este traballo, tamén se levan a cabo campañas de comunicación en medios especializados, así como as tarefas de axuda e asesoramento que se desenvolven desde o departamento de congresos de Turismo de Galicia para aquelas empresas que desexan realizar reunións en Galicia informando acerca das infraestruturas e os produtos turísticos complementarios que ofrece a Comunidade.